espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

10/25/2005

O que se ve dende o anden (2005)

Corría o verán do 73. Eu, na vella bicicleta negra, baixaba pola vila cara a estación do tren. Mamá dérame dous anacos requentes de pan de boroa con queixo e marmelo envoltos nun pano de mesa. O cheiro só xa facía fame, alén da súa presenza, mais sabía que non gostaría do seu sabor.

Fermín ficaba sentado na cadeira de sempre, esa que xa tiña a forma marcada do seu osudo pandeiro. Horas, anos,... no mesmo lugar, ao carón do andén. Fermín non pasaba pola vida, era ela a que docemente, dun xeito case inaprezable, pasaba por el. Pero facíase vello, e moitos de nós non fomos conscientes delo porque era, dito con agarimo, parte do mobiliario urbán da nosa vila.

Á súa beira, sen apearme do meu vehículo emprestado, coma unha de tantas outras veces, extendín a man e ofrecinlle a merenda. Lembro o sorriso que me devolveu, era un sorriso de cativo, cheo de inocencia, a pesares de andar xa polos 60 anos. Deume as grazas e seguín rumbo ao Peneco onde me agardaban os outros mozos para xogar ás agachadas.

Eu tiña 14 anos, a enerxía dun cabalo e a cabeza chea de ilusións e moita palla. Non quería estudar, e malia os consellos de mamá, decidín traballar nas eiras do tío Mateo até facerme cuns cartiños para abrir unha taberna. Os meus soños non eran grandiosos, en efecto, pero en Curtis era feliz e quería ficar alí, preto dos meus.

Ora que tamén tiña outra teima, desexaba viaxar á Alemaña. Quería coñecer nas miñas carnes aquelas marabillas que me contaba Lourenzo nas cartas e postais que puntualmente me chegaban cada tres semanas. Os seus pais levaban alá dez anos e el fora onda eles había dous. Era o meu amigo da infancia, co que compartín os primeiros pitillos no adro da Igrexa e os primeiros grolos de caña na súa derradeira noite de San Xoan na vila. Chamábannos “o gordo e o fraco”, pola nosa semellanza en feitura cos actores dos filmes que viamos no televisor do Exprés. Lourenzo arrumbaba moito máis ca mín, xa lle viña de casta o da constitución grosa. Dicíame sempre que lle favorecía ser así porque en Alemaña non destacaba do resto, e que aquelas famosas salchichas estaban a causar estragos na súa, xa pouco fina, figura.

O verán do que vos falo tornouse inesquecibe por mor de Manuela. Ela foi o meu primeiro amor, o que enche os intres nos que non xogas ao fútbol cos demais, o que fai que chegues a deshora á casa os días de festa, o que consigue que poñas a roupa dos domingos sen queixarte... pero ninguén o sabía.

A única testemuña do noso fervor xuvenil foi Fermín, ese vello privado do senso da vista dende o día que naceu, pero coas ulideiras máis sutís que coñecera xamais. Fermín cheiraba o amor, cheiraba todas as cousas boas que acontecían ao seu redor e tamén, percibía o mal cando se achegaba. O seu reloxo eran os trens, coñecía todas as máquinas, os percorridos e caseque a todos os pasaxeiros que viaxaban de xeito cotián.

Aconteceu o 23 de Xullo, día de feira na vila. Fermín non precisaba almanaque ningún para sabelo, dicíallo o traxín da estación, o cheiro dos chourizos e queixos que subían e baixaban dos vagóns, os berros de voces non tan coñecidas como as de costume e a cantidade de fume que se desprendía dos cigarros que se consumían ao seu redor.

Eu por aquel entón, adicábame a axudar ás mulleres a levar as súas mercadurías dende a carballeira da feira até o tren e así gañaba unhas propiniñas que enchían o peto pouco a pouco. Lembro con claridade a familia García que viña dende Oza todas as feiras coas súas fillas e o pequeno Toño. Eran boa xente, desa que non mira por riba do ombreiro por moito que teñan en leiras e arrendamentos. Achábanme sempre na porta do bar A Fonte. Alí sentado vía multiplicarse a vida na vila, encherse de son, de cores, de movemento desacompasado.

Nas tabernas moreas de forasteiros apuraban as cuncas de viño logo de ir ver as naves do gando e das bestas. Nos postos, as súas donas escolmaban a froita, as viandas e o pan. E nas rúas, os nenos xogaban coas pelotas de cores que lles mercaban mentres engulían, case sen mascar, as rosquiñas anisadas.

Ao mediodía todo ía remitindo paseniñamente. Calaban as risas e voltabamos á vida tranquila de Curtis. Xantabamos tarde, case sempre callos, e á hora da sesta saiamos a xogar.

Ese 23, quedaramos todos no río. De camiño atopeime a Manuela, que ía con Pilar latricando das súas cousas. Uníusenos Xurxo, que viña co seu primo “o vasco” e logo Carmiña coas valencianas. Xa abondabamos para argallar unha boa troula, e aínda así os sete netos da señora Paulina completaron a panda.

Ao chegarmos ao noso espazo preferido pousamos as bolsas coa merenda, espímonos e bañámonos, coma se dun ritual se tratase. Pedrín adoitaba facer o pino e outras piruetas na auga para impresionar ás mozas, pero rara vez o conseguía porque estas miraban cara outro lado todo o tempo; seica o que viña de fóra as tiña comendo da súa man ese verán, sería o pulo da novidade.

Cando me sentei na beira a tomar o sol un pouco e a escorrentar a friaxe, Manuela veu onda mín. Estivemos horas leriando. Contoume que as curmás que estaban en Inglaterra lle enviaran uns discos dos Beatles e unha saia moi curta para que a estreara nas festas de Agosto. Eu conteille as historias de Lourenzo e a miña idea de ir a velo cando rematara o estío.

Fíxose tarde, e cando nos decatamos xa todos ían camiño de volta. Recollimos e marchamos pola Aldea Vella. Ao chegarmos á estación, axudeina a cruzar a vía e cando a tiven nos brazos non puiden evitar bicala. Ficamos calados un anaco. Os ollos de Manuela, negros e fondos, brilaban. As miñas fazulas prenderon, vermellas. Collina da man e subimos cara á casa por atallos para que ninguén nos vira.

Dende ese momento, viámonos todos os solpores para pasear e falar. Buscabamos camiños novos polas eiras dos veciños e polo monte, mirabamos os magazines que lle enviaban as curmás, liamos xuntos as cartas de Lourenzo... pouco a pouco perdendo a inocencia propia dos nenos, ela antes ca mín.

Unha tarde de Agosto, seguindo o tortuoso camiño que ía dende A Raia até o pobo puidemos vela. Ela agochábase para que non a viran e nos agochabámonos dela. Sentada aos pés dun vello carballo, co caderno nos xeonllos e os carbonciños tirados polo chan. Miraba ao fronte e con pulso firme, case sen ollar o papel, debuxaba os contornos daquelas mulleres que labraban a terra. Eran só volumes, pero tan armónicos en conxunto. Os febles apuntamentos íanse tornando detalles. Dúas horas nos tivo engaiolados por aquel don.

Marchamos cando as labregas recolleron os apeiros e ela pechou o caderno. E voltamos, á tarde seguinte para ver de novo como o que coñeciamos de preto, o noso contorno, se vía reflectido naquelas follas grosas e porosas. Manuela estaba enfeitizada por aquelas mans, e eu pola inxenuidade propia de nena que levaban os trazos da pintora. A inocencia que nós perdiamos ela a gardaba en cada liña.

Así sucedeu perante tres xornadas máis. E logo desapareceu. Buscámola por outros camiños, polas bonitas paraxes que se nos aparecían como dignas de ser pintadas, pero non a atopamos. Vímola algún día na fiestra da súa casa, coa bata branca chea de manchas de cores. E de outono marchou a Madrid...

E eu, de outono, marchei a Alemaña. Nunca antes saira do país; ía tan cagadiño de medo coma ilusionado. A maleta coa roupa para un mes e un bulto con cousas que a min se me antoxaban de pouco aprezo, pero que mamá sabía que a familia de Lourenzo recibiría con agrado: unha ducia de chourizos, un anaco de xamón, dous queixos da veciña e unha botelliña de viño. Tamén conseguín meter un par de libros de aventuras para o meu amigo e algunha foto que nos sacamos na festa a mocidade daquel momento.

A noite antes de marchar leveille a merenda a Fermín.
– Vinvos! A ti e á filla do carpinteiro -dixo baixiño-. Hai cinco feiras...
– Pero se ti non ves Fermín! -respostei rindo-.
– Vexo máis do que pensades. E vexo que ben está o que ben acaba, así que marcha sen medo que na vila todo ha seguir o rumbo axeitado –afirmando coa testa–.
– Fermín, toma a merenda e déixate de augurios... e vai cedo para a casa que xa non son noites de verán.Cóidate que nun mes estarei de volta e traereiche algo rico e novo da viaxe para merendar.

Dinlle unha palmadiña nas costas e virei sobre os meus pasos a despedirme da miña Manueliña. Foi un sentimento estrano, nunca antes tivera moza e nunca me tivera que despedir de ninguén así. Ollámonos e démonos fondas apertas durante unha hora. Apertas propias de deseperados. Sabiamos que era unha parvada, pero facelo máis teatreiro era inevitable, coma se fose de novela, coma se supuña que se dicían adeus os namorados.

Pola mañá tomei o avión cara a Frankfurt. Baixeime todo fachendoso, cun sorriso que se fixo aínda máis pronunciado ao avistar a Lourenzo e ao seu pai. Leváronme á casa nun coche grandioso de cor azul. Alí esperábanme a súa nai e as irmás acompañadas duns cantos veciños, españois tamén, cunha festiña de benvida.

Lourenzo tiña que ir ao colexio polas mañás e a mín puxéronme a traballar no restaurante que un matrimonio asturiano tiña no chamado “Barrio Español”. Pareceume unha idea xenial, así aprendería un pouquiño para cando abrira a taberna en Curtis.

Deste xeito pasaba as mañás, mentres que as tardes discorrían visitando a cidade e as vilas dos arredores, compartindo o tempo cos novos amigos. Encantábame aquelo. Todos os venres á noite xuntábanse no restaurante preto de oito familias emigradas e, a porta pechada, bebían, bailaban e baduaban contos.

Lourenzo moceaba coa filla duns cordobeses e eu non me podía alegrar máis pois a rapaza era fermosísisma ademáis de graciosa. Pola miña banda, fixen boas migas cuns raparigos cataláns que chegaran tamén había pouco, e xogabamos ao fútbol contra mozos italianos, coma se foramos selecións.

Aos asturianos gustáballes como traballaba, ascendéronme de lavavaixelas a camareiro en menos de tres semanas, e ofrecéronme seguir traballando alí máis tempo. Eles me darían un cuarto na casa e un soldo digno. Sopesei as opcións e pensei que estaría máis preto de lograr o soño da taberna se me quedaba alí, en lugar de voltar ás eiras do tío Mateo, así que falei coa miña nai e lle dixen que voltaría ao ano seguinte.

Pero o ano pasou e cinco máis tamén. Alugara unha casiña de solteiro e mercara un auto de segunda man. Lourenzo rematara os estudos e con axuda dos pais montou un pequeno hoteliño no centro. Contratoume como xefe do servizo. A miña vida alí era coma unha escaleira na que só se podía subir polo que fun enredando máis e máis.

Chamaba a mamá unha vez á semana e enviáballe cousas de cando en vez. Os primeiros meses escribinlle moito a Manuela, mais funno deixando e chegou un momento no que parei.

Co tempo coñecín a unha moza alemana, de pais cántabros, chamada Erika e aos dous anos de saír fómonos a vivir xuntos. Casamos polo xulgado no 90 e mamá veu á voda. Foi un día de ledicia para todos e máis todavía cando dixemos que esperabamos un cativo.

Manuel ten agora trece anos. Xoga ao balón cos fillos de Lourenzo no xardín, e cando se anoxa xura, e aínda que non me gusta, non podo conter o riso porque xura coma o pai, en galego. Eu míroos dende o sofá dende onde tamén contemplo o cadro que trouxen da miña última viaxe a Curtis, Mulleres labrando a terra, e penso que dentro de 20 anos a morriña poderá comigo e voltarei alí, a abrir a miña taberna e a ver os prados que pintaba María Antonia.

6 Comments:

At 21/7/06 13:46, Anonymous Anónimo said...

Good design!
[url=http://ucqzceym.com/vuzb/bvcx.html]My homepage[/url] | [url=http://eobqeqqd.com/giqz/xnvy.html]Cool site[/url]

 
At 21/7/06 13:46, Anonymous Anónimo said...

Good design!
My homepage | Please visit

 
At 21/7/06 13:46, Anonymous Anónimo said...

Good design!
My homepage | Please visit

 
At 21/7/06 13:46, Anonymous Anónimo said...

Well done!
http://ucqzceym.com/vuzb/bvcx.html | http://quwgwqdz.com/pwhv/bnnu.html

 
At 16/2/07 21:07, Anonymous Anónimo said...

Search engines try it

Casino
viagra
tramadol
cialis

 
At 20/2/07 08:48, Anonymous Anónimo said...

Latest news. Viagra, cialis

viagra
cialis
tramadol

 

Publicar un comentario

<< Home