espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

11/22/2005

Simplemente luns


Xa os Boomtown Rats os odiaban sen saber moi ben porqué. Os luns son estranos dende o primeiro instante no que somos conscientes de que é luns. Pipipipí, pipipipí, pipipipí... o espertador. Os luns non poden comezar doutra maneira. Un aínda está na póla despois da fin de semana polo que é moi probable que esa mañá queime as torradas, bote sal ao café ou poña a roupa interior do revés. Con estos pequenos contratempos un xa se vai concienciando de que a semana empeza e que é o momento máis lonxano do benquerido e adorado venres. Pola rúa dáse un de conta de que non só el sofre a maldición dos luns... o resto das persoas tamén camiñan fitando cara o chan. Máis que camiñar... os luns vágase. Non se xanta, os luns engúlese sen mascar (lei do mínimo esforzo). Non se mira, os luns só se ve e non se escoita porque só se oe. O único que sí facemos igual que o resto dos días é traballar... Os luns nunca é día do espectador, non hai espectáculos nin concertos, non botan nada interesante na tele (nin os martes, nin os mércores... )... Incluso as novas do luns son unha especie de compendio resacoso das do fin de semana. Os luns non hai tempo de visitas nin de amigos porque hai que amañar as desfeitas da finde e organizarse para o queda por diante. Teño que facer un almanaque sen luns... Duplicarei os venres.
Menos mal que agora mesmo xa é martes.