espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

5/08/2008

Corto e cambio [resumo]

O primeiro pedirlle desculpas ao meu espazo indómito por ter tardado tanto en facerlle caso e tamén a eses que de cando en vez entrades para ver se respiro.

Non podo dicir que unha ausencia así sexa xustificada, mais os acontecementos que se foron sucedendo dende setembro do ano pasado até hoxe non foron de bo gusto para mín e os meus:

- Naceu a filla da miña "media laranxa laboral". Todo mudou á súa chegada por motivos moi longos de relatar. É unha fermosura de cativa e fai as ledicias de toda a súa familia, como era de esperar.
- Cumprín os 29 anos, e con eles aprendín moito, sobre todo a distinguir quen me apreza ben e quen non. Todo o mundo ao meu arredor está a casar ou ter fillos, non podo crer que xa chegara este momento da miña vida e o certo é que agora non me apetece facer ningunha das dúas cousas.
- Deixáronnos dúas persoas de incrible forza e valor. Nai e fillo. Ela coa vida vivida, 93 anos dignamente levados, cheos de experiencias e historias que nos quedan de legado. E el, inxustamente afastado con só 60 anos, un exemplo a seguir en moitos sensos e que afrontou a súa última causa con toda a enteireza coa que se enfrontaba a todo. No mar de Domaio ficará sempre.
- Roubáronnos cousas do maleteiro do meu coche, dunha maneira tan veloz e incrible, que aínda hoxe penso que aquelo non cadra. El perdeu o seu PFC naquel portátil e eu a ilusión de novo.
- O meu avó deunos un susto grande cando o seu cerebro ficou sen osíxeno durante un tempo, tivo unha embolia cerebral, e por sorte, segundo os médicos dín é un "miragre vivinte", sen secuelas aparentes.

Os nervios e a tensión que todo isto foi causando na miña persoa mantívome sumida nunha tristura grande e fonda da que estou tentando saír. Quen me coñece sabe que sairei dela, que xa saín doutras e que seguramente me queden por pasar algunhas máis. Digo isto, porque quen me coñece sabe que sempre me toca o camiño difícil e que estou acostumada á autosuperación, aínda que teño que admitir que esta case pode comigo e que moitas tolerías se me ocorreron neste tempo.

E agora, logo de escusarme, comezarei o que quero que sexa unha etapa distinta, e agardo se reflicta no meu espazo indómito dun xeito creativo e lúdico, lonxe do que ultimamente chegou a ser esta bitácora. Prométoo.