espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

5/27/2008

Dolores chamábase Lola


Esta fin de semana voltei á vila a gozar das, sempre estupendas, festas de maio. Brinquei, bailei, falei e rin, rin moito, que xa me facía falta. Cando xa estabamos a baixar do campo da festa, rumbo a eses bares onde nos reecontramos os vellos amigos de sempre, escoitei "eras la niña de azul" e mirei cara a miña curmá para, acto seguido, botar a correr de novo cara a festa e rematar cantando aquelo de "dónde vas triste de ti?" (para quen se queira formar unha imaxe mental disto... corro coma un pato, cos pés para fóra, levaba sangría e gin tonics no corpo, e cando chegamos ao campo xa non había folgos para moito baile... unha xa non ten vinte anos). Facíame tanta, tanta, tanta falta voltar a sentir esa falta de vergoña, esa liberdade.

As amigas puxéronme ao corrente de todas as faladurías e novidades do pobo (divorcios, vodas, embarazos, novas parellas...) e axiña me decatei de que eu e a miña nova situación de "single" tornaríase tamén outro cotilleo. Malia todo, esas cousas son soportables, esas son as que fan que as vilas sexan vilas e que o anonimato non se comprenda.

Só sei que me sentín na casa de novo, cando facía moito que a deixara. Os amigos seguen alí, e seguen dispostos a ser amigos, que é o máis importante. Presaxio que o verán vai ter un lote de festas, reunións, e tempos de troula con todos eles, e penso respostar acudindo e participando, como adoitaba facer.