espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

8/08/2007

Turrando do carro


O verán presentouse certamente comprometido. Visitas de familiares fixeron que guiara o meu corpo por Compostela de novo buscando recunchos para amosarlles por que vivo aquí, para que comprendan que é o que me mantén atada a esta grande vila ou cidade pequena, para que sexan quenes de imaxinarme por estas rúas cando estean lonxe, de volta nas súas casas. E non fai falla moito para que vexan porque o meu fogar está entre as pedras históricas e o orballo repentino. Compostela fala por si mesma, sen falla de guión. Síntese a cada paso e medra dentro de cada un.

Logo dos encantos de Santiago amoseilles tamén A Coruña, a vista dende o Monte de San Pedro e o que son os churros con chocolate. Tocou tamén ver algunha praia, e tocará na próxima visita ver as Cíes, a praia das Catedrais, Fisterra, Lugo, Allariz e tanto e tanto que temos. Foron días de voltar a beber viño, o noso, o branco que se agradece nas tardes de verán. Días de comer a fartar polbo e pementos de Padrón.

Escapei unha fin de semana a Porto. Tenme cautivada, toda ela, toda esa cidade que medra a pasos axigantados conservando intacto o seu corazón. E voltarei, porque coma sempre, quedou algo sen ver, e ogallá sempre quede para poder voltar. Puxen o vestido novo e baixei á rúa nunha calurosa noite, sen complexos, porque ninguén me coñece alí, sentínme ben.