espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

2/21/2006

a opera dos pobres

24 horas máis tarde seguen a soar as trompetas na miña cabeza, sego a ter o ritmo no pé dereito e aínda sinto o aplauso saíndo das mans. Canto necesitaba unha noite así... e por fin chegou Goran (e non minto cando digo que me tremaban os xeonllos ao final do espectáculo).

Unha Karme de ollos fondos, un Ceaucescu de movementos acompasados e rítmicos, as mulleres que fan a rúa coa súa alegre forma de entonar, e aquela voz, fermosa, do home do lixo sen bigote que cantaba: l'amour, l'amour, l'amour, l'amour...

Ese Bregovic que nos fai ver que se un quere algo, se un verdadeiramente o desexa, pode algún día tornarse realidade... como os paxaros embalsamados aos que o anxo daba de papar ante as risas dos demais... e que unha mañá voaron, máis alto ca nunca, e cantaron, mellor que outros días.

pe pi co, pe pi co, iremos a Mexico

2/14/2006

unha de teimas con doble de ketchup

Dende Bouzafría me convidaron a recompilar as miñas teimas... e teño que admitir que resulta complexo de plasmar só en 5 parágrafos as que son, pero aí van:
1. mirar para os pés en canto saio pola porta por temor a un dos meus traumas dende nena... saír da casa en zapatillas.
2. deixar sempre algo no plato ou no fondo do vaso... é horrible, seino, pero par mín case inevitable agás se é chocolate
3. empezar un proxecto nun folio en branco aínda que despois o remate escribindo en calquera sitio, até nunha servilleta de bar.
4. buscar no espello ese pasmoso parecido que din que teño coa miña nai... e non atopo
5. conseguir que sorrían unha vez ao día polo menos todas as persoas do meu contorno

estrela estreliña

cando xa me acostumara á idea de que non existías, de que te inventara mil e unha veces con anacos dos que foron e remendos do que quixen que foran... cando xa fixera o callo máis duro de facer... cando se secaran as cuncas e gardara cada gota que delas caera nun bote de cristal para velas e lembrarme sempre do dano que fan os días... cando as noites dos venres de sofá e chocolate eran un costume arraigado... cando pintaba só azul... e cantaba verbas tristes e melodías en bucle... cando só as paredes sofrían as miñas iras e abandonos... cando mudara até converterme en verme no melocotón xigante... apareciches para quedarte... polo menos até a metamorfose

2/01/2006

Frida deixa Compostela


Achegueime un serán de inverno a ver a exposición que me ofrecía a Fundación Caixa Galicia, logo dun bo xantar (mellor aínda foi a compaña).
Frida Kahlo.
Frida-obra, e de agasallo, Frida-vida.
Ela sentía, as súas frustracións son as nosas.
Ela comunicaba, chegaba de xeito sinxelo e directo.
Ela vivía, postrada nunha cama, máis do que vivimos algúns.
Ela amaba, e nunca ninguén saberá canto.