espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

12/21/2005

Fetiche

Citando ao Izaguirre, nese libro que me agasallaron no meu aniversario, direi que está considerado fetiche aquel ídolo ou obxecto de culto ao que se lle atribúe un poder máxico. Todo é susceptible de converterse en fetiche; un bico, un cheiro, un recordo. Estou a comprobar que na miña vida hai máis dos que pensaba. Dende hai tempo, as luces de Compostela alumean máis, as pedras móvense baixo os meus pés para facilitarme o camiño e teño enrugas máis fondas nas comisuras dos beizos por sorrir (benvidas sexan todos eses surcos se veñen de tal xeito). Hai persoas que fan que as cousas flúan doadamente, que a vida pase sen penas e que as ledicias se vivan máis intensamente se cabe.
Hoxe soñei que podía, e despertei ao carón dun novo fetiche, e hoxe, unha vez máis, puiden.

12/14/2005

Dreaming my dreams

Dúas chamadas sen contestar... para contarme, na terceira, que o conseguimos.
Hoxe volvín a crer que se desexas algo con moita forza cúmprese. Seguirei soñando. Grazas

12/01/2005

Raining cats & dogs


Saín de traballar ás carreiras, coma de costume. A duras penas atravesei a Praza de Galicia, esquivando paraugas e algún que outro turista despistado. Cheguei á parada e busquei o móbil para ver/mirar (ver: porque me doían moito os ollos e case non os abría; mirar: porque precisaba saber a que hora ía a finar o macroconcerto das miñas tripas) a hora, o 11 marchara había uns minutiños. Resigneime a esperar porque caían chuzos de punta, chuzos fríos coma o xeo e que mancaban máis que mollar. Pasou o 15, logo o 5, non podía quedar moito xa...
Aborrecíame estar alí. Outras esperas eran entretidas, escoitando as parrafadas dos cativos de hoxe, que non sei por que todos conseguen ter acento de Lacoru aínda que sexan de Sar; ou imaxinando a onde ía todos os días aquel señor do sombreiro e paxariña; mais hoxe non, hoxe a ansiedade por chegar á casa era meirande.
Asomou o bus, achegouse á beirarrúa, e de súpeto empurráronme, desfíxose a ringleira, semellaba unha saída de emerxencia nun incendio. Cando por fin cheguei preto da porta, só quedabamos un señor e mais eu para embarcar na lata de sardiñas... o "busero" fechou a porta diante dos nosos fuciños.
20 minutos máis de espera... ao carón daquel pobre e anoxado home dos lentes mollados. Entón tiven a estupenda idea de me achegar ao caixeiro para ver como andaban os meus escasos cuartiños... SALDO NEGATIVO!!!. Nunca na vida, andivera preto, pero nunca baixo cero, semellaba unha temperatura máis ca o saldo dunha conta: -0,7 grados marcaba o termómetro do diaño. E... de que me queixo, se o 19% dos galegos viven baixo o umbral da pobreza e... se eu nen sequera son pobre... como estarán eles!!! Eu, coma case todo o mundo que me rodea, teño coche (e unha letra que pagar), teño piso (e un aluguer que pagar), teño móbil (e unha factura que os da Timofónica consideraron moi alta e aconselláronme cambiarme a un "plan 40" co que sorprendentemente pago 80...), pero non son pobre, son autónoma (ha,ha,ha... e sí, teño que pagar). Pero a culpa é miña. Co ben que se vive con "papá e mamá"... Recoñezo que quizais estea a ser alarmista, porque evidentemente pode ser moito peor e por unha semana que xante bocadiños de mortadela (sen olivas... que iso xa é un luxo) non vou morrer. Son consciente do afortunada que son e ben sei que se teño que pedir hai mil mans ofrecéndome (e ningunha é un banco, por suposto), mais enfermo cando leo que os galegos cobramos, de media, un 13% menos que o resto dos españois... e a día de hoxe pagamos o mesmo que noutros puntos da Península...
Ao final chegou o 11. Pilotaba (e digo ben, porque semellaba que iamos no aire) unha moza loira que consumía goma de mascar ensinándonos os empastes polo retrovisor. Eu conduzo dun xeito desastroso, pero esta muller estaba a pagar o seu noxento día con nós, e dou grazas de irmos algo apiñadiños porque senón seguro que máis dun remataba co cú no chan.
Unha rapaza que ía sentada á esquerda, asento individual, levaba algo que botei en falta nese momento ao sentir os pés fríos, os calcetíns mollados e os pantalóns pegados ás perniñas aterecidas... unhas catiuscas... Que bonito era brincar nas pozas sabendo que non te ías arrefriar e que non tiñas nada máis en que pensar que en ir comer a merenda e ver as peripecias do Goku na Telegaita.