espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

1/29/2006

Glaseado


Cheguei cando ameazaba e espertei cando xa cubría o céspede do fogar dos mestres da vida. Nevou. Nevou tanto, que o auto vermello, o meu chitichitibangbang, resistiuse a arrancar. Nevou tanto, que os veciños fixeron homes de neve de todas as clases, algúns ata pornográficos, dignos de ser retratados. Nevou tanto, que prendimos lume na cheminea e ficamos toda a tarde bebendo té, latricando de cando eramos nenos, de cando eran nenos e de cando haberá máis nenos. Pero sobre todo, nevou tanto, que me emocionei vendo o fermoso país no que vivimos mudado do verde característico ao branco cegador... fermosísimo igualmente.
E para cores... estas belezas avermelladas do invernadoiro da miña tía-avoa.

1/26/2006

hoxe...

fáltame o aire

1/14/2006

How much is that doggy in the window?

Lilian apuraba os Dunhill sentada na cadeira, co cinceiro cheo de cabichas na mesiña e o cheiro do último misto aínda no ar. O libriño dos crucigramas pousado nos xeonllos e os lentes na punta do nariz.
Eu mirábaa dende o descanso da escaleira, sentada no bordo dun escalón con moqueta floreada. Viume, ergueuse, deixou os lentes na mesa e convidoume a unha taza de té.
Anécdotas de xente que apenas recordo e de outros que non coñecín nos tempos das historias, mais logo protagonizarían a miña vida. Historias de guerra, de fame e de esforzos, relatadas coma se quen as padeceu non se lamentara de que así foran. Intimidades que gocei cada segundo e tesourarei sempre.
11 anos van xa, e o recordo vén coma se fose onte.
Quérote Lilian, deixame ser coma ti. Woof Woof

How much is that doggy in the window
Woof woof
The one with the waggely tail
How much is that doggy in the window
Woof woof
I do hope that doggy's for sale

1/11/2006

Danzando nos brazos do demo

Espertei tremendo. Toda a noite con el. Facía moito que non nos viamos. A cita comezou coma sempre, de maneira fría e sen moitos miramentos, mais foime ás feblezas, ao meu talón de Aquiles, e apuntou ben. O pasado, os bos tempos, as risas... voltaron á miña azotea e afondaron no latexante bloque que levo no peito... era coma un analxésico puntual, un que comprime tanto a dor que fai que o esquezas... e eso fixen, esquecín a súa dor... e dancei ao seu ritmo, todo o que quixo e máis... e me perdín no seu mundo, fun minotauro... e durou 6 horas o efecto da aspirina, xusto ata que abrín os ollos e comprendín que xa non me tiña que doer, que a vida me mudara, que os nosos vieiros eran distintos.

1/06/2006

Trouxeronme os reises

unha visita improvisada, todos os queridos nunha soa sala, os que máis me importan véndose por primeira vez as caras... trouxéronme todo, non lles pido máis nada

1/02/2006

Proposito de enmenda


A miña querida Lola cantábao berrando a todo pulmón naquela montaña "teño as miñas feblezas, teño as miñas forzas e tamén as miñas fealdades, pero alguén quérese tal e como é?". Son quen de recoñecer todos os meus defectos mais cústame ver as cousas boas, afortunadamente son os demais os que mas fan ver ós poucos e me manteñen a flote. Nestas datas a ringleira de propósitos para o 2006 desfila ante miña atenta ollada... unha listaxe imaxinaria con mala caligrafía, chea de tachóns e rectificacións... unha listaxe que despedaza á miña persoa e tenta convertila nalgo utópico que se adapte ao que os demais demandan de min... unha listaxe que quedará neso, en propósitos... un exame de conciencia cunha penitencia volátil, porque non podemos mudar nunha noite agás de traxe.
Somentes cabe esperar que veña ben e me abandone este dor de gorxa que me quedou da troula. Ventureiro 2006.