espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

5/10/2009

Aniversario...

Hoxe hai un ano que a miña vida deu un viramento inesperado. Non sei se é normal celebrar os aniversarios das rupturas, mais cúmplense. Neste tempo pasou de todo. Até podería dicir que volvín xogar e volvín perder. O importante é seguir xogando para poder gañar algún día.

10/31/2008

Samaín

Hoxe, asústanme as pantasmas de antes, as de agora, as que van vir.

9/09/2008

Sensacións (III)


Rematou o verán, finaron os días longos e luminosos. Volto ao ordenador con xornada partida. Cumpro o curso de francés ás carreiras. Penso frases para as camisetas dunha despedida de solteira. Merco zapatos para unha voda, para esa voda. Aumento a colección de teléfonos móbiles, 3 distintos, de 3 compañías. Como bocadillos os mediodías para gañar tempo, mais soño con pratos de cociña tradicional británica... un shepperds pie very quentiño. A miña pel deixa o lixeirísimo ton de verán atrás e colle corpo de inverno. Busco motivos para sorrir, e hainos, moitos. Sorrío, mais xa pasou o estío, e non me deu tempo a nada.

8/11/2008

Sensacións (II)



Cando un funambulista da vida ten pouco senso do equilibrio ocorre que ás veces, a meirande parte delas, cae. Sempre fun algo desastre na arte de camiñar sobre o arame porque o fixen sen fé, sen seguridade, sen iso que guía á xente pouco temerosa, sen valor. Eu camiñaba fitando cara os meus longos e estreitos pés coas súas longas e estreitas dedas. Pregunteime moitas veces porque ollaba de xeito recorrente, case obsesivo diría eu, o chan que pisaba. E desenvolvín a miña propia teoría; quen mira os seus pasos nunca pisa unha cagada de can. Mais non tardei en abandonar a tese sobre este fito cando me cagou unha pomba no ombreiro. Entón pensei... haberá que ir mirando para arriba e abaixo intermitentemente?

Atopei a resposta ao cumprir 29 anos. É evidente, sinxelo e evidente. Só hai que ollar cara diante, de fronte, sen medo. E os meus pasos fóronse tornando cada vez máis firmes, cada vez máis seguros. Isto sucedeu porque me din de conta de que baixo os meus longos e estreitos pés había unha rede de seguridade. Sempre a houbo, pero non a vira. Tecina dende pequena, parte dela déronma feita (a familia), outra a fun cosendo e remendando cando rompía (os amigos) e a que queda por facer (os soños e as ilusións) a tezo con ganas todos os días.

7/31/2008

Sensacións (I)


Nos meus días de estío orballados na illa verde visitei a National Gallery of Ireland. A pinacoteca ten motivos máis que suficientes para merecer visitas; Caravaggio, Murrillo, Goya, El Greco, Picasso, Juan Gris... e como bonus unha exposición temporal de impresionistas; Monet, Manet, Degas, Van Gogh... Delicia para os meus ollos e resto de sensos. A obra que capitaneaba a exhibición era esta peza de Federico Zandomeneghi. Entendo porque foi escollida pois eu tamén a escollería para protagonizar os cartaces e os folletos. Un despertar de días de vacacións, que paz, que ganas de seguir vivindo.

7/23/2008

I´m Molly Malone's friend

7/01/2008

Limerick á vista!!!

Por fin. Voume de vacacións. Unha semana enteira (15-22xullo). A pasear polas rúas da cidade onde se escribiu a miña canción favorita, a pisar o chan de Frank Mc Court, a bailar ao son doutras gaitas, coller trevos e beber cervexa escura. Irlanda, o meu destino 2008. Pódese pedir máis? Poder pódese, pero entre que saín en San Xoan, nas festas de San Pedro, a selección gañou a Eurocopa e todo por aquí vai de marabilla non imos abusar da sorte.
Ah si, unha cousa, que xa que vou a unha das cidades con máis perigo do país da Guiness e coñecendo o meu costume de andar soa polos barrios menos recomendables... que non me atraquen, rouben nin maten, que teño que ir ao festival de Pardiñas cando volva (coa miña pandilla de verán, xa teño ganas de vervos a todos).
Sacarei fotos e tentarei postear dende aló coas aventuras. Que nervios! Que emoción! Piro de vacacións!