espazo indómito

...aquí nada é froito da casualidade, senón da premeditación... da premeditación sen límites de tolemia, de creatividade, de espontaneidade... premeditado = intencionado... boa viaxe polo espazo indómito... benvido a unha viaxe a ningures...

11/27/2005

Punto e set


Non o podo evitar. Namoro da súa forma de rirse do mundo, namoro en cada fotograma (aínda que alguén me dixo que esta película non era do seu estilo cotián), namoro das historias que, aínda que magnificadas no guión, acontecen a diario. A opulencia, a escalada social a base de "enchufes", os devanditos cornos, a falla de ética ou moral, os complexos de inferioridade, as inseguridades emocionais, a beleza física contra o ser interior, o sexo sen amor e o amor sen sexo,... todos os nosos medos e ansias remexidos e expostos en apenas dúas horas de deleite persoal.
E a música,... raro é que non me agraden os sons que camiñan da man de cada historia, de cada pequeno momento...
Unha vez máis, Woody. Non me fagas agardar moito para outra ración de realidade con envoltorio mordaz (eso sí... nada de pantasmas ou aparicións na próxima que as explicacións redundan e temos dereito a sacar as nosas propias conclusións).

11/22/2005

Simplemente luns


Xa os Boomtown Rats os odiaban sen saber moi ben porqué. Os luns son estranos dende o primeiro instante no que somos conscientes de que é luns. Pipipipí, pipipipí, pipipipí... o espertador. Os luns non poden comezar doutra maneira. Un aínda está na póla despois da fin de semana polo que é moi probable que esa mañá queime as torradas, bote sal ao café ou poña a roupa interior do revés. Con estos pequenos contratempos un xa se vai concienciando de que a semana empeza e que é o momento máis lonxano do benquerido e adorado venres. Pola rúa dáse un de conta de que non só el sofre a maldición dos luns... o resto das persoas tamén camiñan fitando cara o chan. Máis que camiñar... os luns vágase. Non se xanta, os luns engúlese sen mascar (lei do mínimo esforzo). Non se mira, os luns só se ve e non se escoita porque só se oe. O único que sí facemos igual que o resto dos días é traballar... Os luns nunca é día do espectador, non hai espectáculos nin concertos, non botan nada interesante na tele (nin os martes, nin os mércores... )... Incluso as novas do luns son unha especie de compendio resacoso das do fin de semana. Os luns non hai tempo de visitas nin de amigos porque hai que amañar as desfeitas da finde e organizarse para o queda por diante. Teño que facer un almanaque sen luns... Duplicarei os venres.
Menos mal que agora mesmo xa é martes.

11/18/2005

Unha oferta que non podiamos rexeitar

11/17/2005

Peter Pan na procura da sua sombra

Na axenda do móbil vexo un número. Número ao que chamei para atopar forzas para seguir adiante. Número que marquei a horas intempestivas. Número ao que berrei, susurrei e chorei. Número que me devolveu verbas amables e outras non tanto... pero sempre houbo resposta nese número.
Meditabas cada son antes de que saíse pola túa boca. Retorcías os meus pensamentos ata facerme ver as cousas dende todas as perspectivas. Soñabas e crías nos meus soños facendome soñar outra noite máis. Creabas coa túa imaxinación e eras quen de materializalo para que puidesemos ver a maxia.
Hoxe teño que borrar ese número e non porque queira facelo... Nunca máis escoitarei a túa voz ao outro lado porque Peter Pan marchou na procura da súa sombra.
O corazón máis noble. As palabras máis sinceras. Os laios máis profundos. Todo marcha contigo Peter e todo queda en min para sempre. Non podo reprocharte nada e tampouco quero reprocharme nada. Respecto a túa decisión malia que faga que me doia todo. Respecto a túa vontade malia que non desexara o mesmo ca ti.
Sinto terte abandonado no país de Nunca Xamais. Botareite en falta, sempre.
[14 de novembro, 2005]

11/11/2005

O 11 do 11 as 11 e algo

Tanto 1 seguido só pode indicar o comezo de algo que quizais non chegue ata o 2 do 2 ás 2 e algo... pero é unha nova aventura personal á que convido a todos os que queiran ser compaña nesta "viaxe estrana e moi lonxana". Trátase dunha pegada, un rastro que ficará en forma de código HTML perante tempo indefinido e que posiblemente non alimente espíritos, pero sí me baleirará de contidos deixando ocos baleiros para poder seguir enchendo o meu.
Agradecemento e cachaza amigos, e benvidos.